ESPAZO FEST, O FESTIVAL DOS PAZOS DE NIGRÁN, CONSOLÍDASE RECIBINDO MÁIS DE 6.000 ESPECTADORES NA SÚA SEGUNDA EDICIÓN

Espazo Fest, o festival dos pazos históricos de Nigrán, recibiu máis de 6.000 espectadores na súa segunda edición celebrada ao longo dos meses de xullo e agosto. O certame, que se celebra nos xardíns dos pazos de Cea e Urzáiz, convértese deste xeito nunha alternativa como unha experiencia musical diferente nas Rías Baixas, que malia a enorme oferta de concertos deste verán excepcional, logrou incrementar lixeiramente os datos da anterior edición, pola que pasaron artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Marlango ou La Bien Querida, onde a cifra de espectadores foi lixeiramente inferior á deste ano.

O concerto de Taburete no Pazo de Cea foi o de maior afluencia de público, con cerca de 2.600 espectadores, distribuíndose o resto do público nos concertos de Immaculate Fools, Soto Asa, Pol 3.14, The Soul Jacket e o concerto inicial do festival con No More Bullshit. O festival tamén continuou coa súa filosofía de dar cabida a bandas locais en varios dos días de programación. Nesta edición as bandas The Mirror e as cantantes Roma e Sara Casas foron as seleccionadas para abrir os concertos de Immaculate Fools, Taburete e The soul Jacket respectivamente.

Ademais de contar co apoio do Concello de Nigrán grazas á liña 2 do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e formar parte dos actos do Xacobeo 21·22, este ciclo tamén volve contar por segundo ano consecutivo con Cervezas Alhambra, quen volve prestar o seu apoio a este evento que ten lugar en espazos máxicos e singulares como os Pazos de Nigrán

Espazo Fest, que naceu o pasado ano como unha alternativa ó aire libre, para poder vivir os concertos a pesar das restricións da pandemia, consolídase nesta segunda edición cunha proposta diferenciada. O concepto do festival pasa pola música nos magníficos xardíns dos pazos históricos de Nigrán, conectada coa degustación de gastronomía seleccionada , o coñecemento do patrimonio e o desfrute dos espazos botánicos. A resposta do público nesta última edición anima á organización a traballar na posta en marcha da terceira edición no verán de 2023.

GL