NACE `ESPAZO FEST ́, UN NOVO FESTIVAL DE VERÁN QUE POÑERÁ EN VALOR OS PAZOS HISTÓRICOS DE NIGRÁN

Nigrán, 23 de Xuño de 2021. Un novo festival de verán nacerá este mes de xullo para aumentar a oferta cultural do verán nas Rías Baixas. Trátase do EsPazoFest, un certame que se desenvolverá desde o 23 de xullo ata finais de agosto, en tres históricos pazos situados no Concello de Nigrán, o Pazo de Cea, o Pazo de Urzáiz e o Pazo de Touza.

Un total de seis artistas están xa confirmados no cartel do `Espazo Fest ́. No vindeiro mes de xullo están xa pechadas as actuacións de Taburete (23 de xullo), Carlos Sadness (30 de xullo) e Iván Ferreiro (31 de xullo). No mes de agosto pasarán polo `Espazo Fest ́, Marlango (5 de Agosto), Coque Malla (14 de agosto), e M Clan (27 de Agosto), pero están previstas aínda novas incorporacións que se confirmarán nos vindeiros días.

 

Música, patrimonio, cultura

EsPazoFest  é un evento que nace cunha dobre vocación. Dunha banda, ofrecer unha experiencia diferente nas espléndidas fincas de cada pazo. Doutra banda, achegar ó público un excepcional patrimonio ás veces totalmente descoñecido. O festival está concebido para que os asistentes poidan desfrutar de actividades diversas e degustacións gastronómicas nas horas previas e durante a actuación principal.

Deste xeito, trata de dar un novo concepto á idea das actuacións de La Fiesta, desenvolvidas en veráns pasados no Pazo de Cea, que foi a orixe deste proxecto.

Estas actividades, entre as que haberá videoinstalacións, performances e actuacións musicais de pequeno formato acompañadas de gastronomía, estarán pensadas para permitir que o público faga un percorrido nas fincas dos pazos -habitualmente pechadas- e poida descubrir xoias do noso patrimonio. Atoparase, así, desde árbores senlleiras do patrimonio botánico como camelias e magnolios centenarios, ata fontes blasonadas, pasando por hórreos señoriais, capelas ou lagares onde se facía viño hai xa máis de douscentos anos.

Todos os concertos terán lugar ó aire libre en espazos acondicionados para acoller arredor de 1.000 persoas sentadas, co distanciamento requerido e todas as medidas de seguridade.

As entradas para os concertos están á venda a partir deste mércores, 23 de xuño, na billeteira electrónica www.teuticket.com e os prezos oscilarán entre os 25 euros para os concertos de Carlos Sadness e Marlango e os 30 euros para as citas de Taburete, Iván Ferreiro,

Coque Malla e M Clan. As persoas que merquen as 250 primeiras entradas de cada concerto terán un desconto de 5 euros en cada entrada.

EsPazoFest  é unha iniciativa da productora OÍDE (Organización de Ideas de Éxito) e conta coa colaboración do Concello de Nigrán. O festival está dirixido por María Baltar, coa que colaboran Mariqui Cominges e Nuria Cervera, xerentes do Pazo de Cea e do Pazo de Touza respectivamente.

GL