WILCO, PRIMEIRA BANDA CONFIRMADA PARA A TERCEIRA EDICIÓN DE ESPAZO FEST, O FESTIVAL DOS PAZOS DE NIGRÁN

Espazo Fest, o festival que se desenvolve en varios pazos do Concello de Nigrán, e polo que pasaron máis de 6.000 espectadores o ano pasado, celebrará a súa terceira edición este verán. Unha nova edición da que polo de agora só se coñece o nome da primeira banda confirmada: Wilco. Os estadounidenses actuarán o vindeiro 20 de agosto no fermoso Pazo de Urzáiz, e esta actuación non será a única. Nas vindeiras semanas anunciaranse máis artistas de renome que encherán de música os Pazos de Nigrán entre xullo de agosto.

Xa sexa no ruído ou no silencio. No suave tacto dunha guitarra acústica ou na explosión eléctrica. No son inconfundible do rock americano máis característico ou no aroma do mellor pop. Na intimidade dun rumoreo country folk ou no cántico unido dos himnos colectivos. No pasado glorioso dunha carreira que alcanzou o seu clímax absoluto con “Being there”, “Yankee Hotel Foxtrot” e “A ghost is born”, ou na volta á raíz de soportal e tabaco mascado do magnífico novo traballo, “Cruel country”, Wilco porán en práctica no Pazo de Urzáiz esa teoría que Jeff Tweddy deixa patente na nota de prensa deste álbum: “No pasado, sempre foi valioso e liberador para nós afastarnos da etiqueta country. Axudounos a crecer e manter as nosas mentes abertas á inspiración que vén de preto e de lonxe”. 

Parece que despois de 25 anos desde o seu debut como Wilco, os estadounidenses decidiron volver ás súas orixes e abrazar a música tradicional sen complexos. Aquela necesidade de fuxir da etiqueta country que tanto lles molestaba, aquela procura incesante da experimentación que lles converteu no que son, é agora unha oportunidade para facer as paces coa tradición. Esta nova versión de Wilco, outra máis dun camiño que xa opta a lendas da música americana, parece a ocasión inestimable para poder degustalos este verán dentro dun evento tan máxico como Espazo Fest.

Espazo Fest, ou como converter música e patrimonio en maxia

Espazo Fest non e un simple festival. Trátase de unir pasado, presente e futuro xuntando o patrimonio natural e cultural dos Pazos de Nigrán coa maxia da música en directo. Espacios normalmente pechados ao público, convértense nun lugar de comunión das artes, coa degustación de gastronomía seleccionada e o coñecemento do patrimonio e dos espazos botánicos. Nesta nova edición, o festival volve contar co patrocinio do Concello de Nigrán, e Cervezas Alhambra, quen por terceiro ano consecutivo volve prestar o seu apoio a este evento que terá lugar en espazos máxicos e singulares como os Pazos de Nigrán entre xullo e agosto de 2023.

As entradas para o concerto de Wilco no Pazo de Urzáiz o vindeiro 20 de agosto xa están dispoñibles a través de www.teuticket.com cunha oferta de saída de 30€ (+g.x.) as 1000 primeiras e a 35€ (+g.x.) as restantes.

GL