SOTO ASA, TABURETE, POL 3.14 OU THE SOUL JACKET, ENTRE AS BANDAS DA SEGUNDA EDICIÓN DE ESPAZO FEST

Espazo Fest o festival dos pazos de Nigrán, que se celebrou con gran éxito por vez primeira o pasado verán, terá unha segunda edición e celebrarase este ano entre os meses de xullo e agosto nos pazos de Urzáiz e de Cea e no que a Deputación de Pontevedra colabora a través do Plan Concellos.

A segunda edición do certame foi presentada esta mañá no Concello de Nigrán coa presenza de Juan González, alcalde de Nigrán, María Baltar, directora de festival Espazo Fest , e Hugo Pérez, Brand Manager de Mahou San Miguel en Galicia, en representación de Cervezas Alhambra, quen por segundo ano consecutivo volven prestar o seu apoio a este evento que ten lugar en espazos máxicos e singulares como son os Pazos de Nigrán, onde a cervexeira convida a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais.

Ademais da xa anunciada presenza de Taburete no Pazo de Cea o 5 de agosto, súmanse por agora catro datas máis no cartaz do festival, ademáis da artista Roma abrindo para a banda madrileña esa noite. As catro actuacións restantes terán lugar nos espléndidos xardíns do Pazo de Urzáiz. O 22 de xullo terá lugar a primeira das actuacións coa potente banda de versións rock No More Bullshit, o 6 de agosto chega Soto Asa, unha das rutilantes estrelas da música urbana actual, que xa ten colaborado con Yung Beef ou coa mismísimo Bad Gyal; o 12 de agosto será a quenda de Pol 3.14, o artista que se converteu nun fenómeno de masas co tema ‘No Time’, que funcionou como banda sonora da última temporada da popular serie ‘La Casa de Papel’, e o 13 de agosto está confirmada a vibrante banda de soul viguesa The Soul Jacket, que presentarán o seu novo traballo, ‘Kick Radio’, e estarán precedidos da actuación da viguesa MaríaSOA.

Espazo Fest naceu o pasado ano como unha alternativa ao aire libre, para poder gozar os concertos malia as restriccións da pandemia. O concepto do festival pasa pola música nos xardíns dos pazos de Nigrán cunha conexión coa gastronomía e o patrimonio.

A idea tivo unha gran acollida, e máis de 6.000 persoas pasaron o pasado verán pola primeira edición do festival, que contou con artistas como Iván Ferreiro, Coque Malla, Marlango, Carlos Sadness ou La Bien Querida. Este ano tamén está previsto a presenza de bandas locais, seguindo a filosofía de combinar artistas consagrados con oportunidades para grupos emerxentes.

Estas actuacións que teñen lugar antes da actuación principal, lévanse a cabo en pequenos recunchos con encanto dos pazos, que van desde hórreos a pombais, pasando por un lagar ou unha fonte blasonada. A proposta do festival é vivir unha experiencia singular na que a música sexa un reclamo para achegarse a ese tesouro pouco coñecido que é o patrimonio arquitectónico dos pazos. Trátase de desfrutar destes espazos, moitos deles pechados habitualmente ao público, e deixarse envolver pola natureza dos xardíns onde medran magnolios señoriales e camelias centenarias. Cada unha das actuacións terá un aforo máximo de 2.000 persoas de pé, e nas vindeiras semanas está previsto o anuncio de novos grupos.

Todas as entradas están á venda a través de espazofest.com e teuticket.com, e as localidades para o concerto de Taburete, que xa levan días á venda, van camiño de esgotarse.

ESP